Declaración de Madrid

Educación e Medios de Comunicación

"A Baía dos Cinco Ventos"


 Documento de adhesión
 Links
 E-mail
 Suxestións

 Árabe  Catalá  Deutsche  English
 Español  Euskera  Français  Hebreo

Declaración de Madrid

Educación e Medios de Comunicación

"A Baía dos Cinco Ventos"

A alfabetización da humanidade, aínda sen realizar a nivel mundial, foi unha das grandes conquistas do pasado. A alfabetización mediática é agora o grande reto que hai que alcanzar.

Non podemos aceptar que a fenda dixital establecida entre diversas sociedades nos afaste, nos incomunique e sexa unha das características da presente sociedade da información e da comunicación.

O futuro da sociedade do coñecemento reside na educación permanente e na alfabetización mediática de tódolos habitantes do planeta. En lugar de contemplar este aprendizaxe con medo e receo, a cidadanía debe consideralo como algo imaxinativo, estimulante e básico para o seu completo desenvolvemento persoal.




Preámbulo

Os abaixo asinantes, persoas, representantes de entidades, institucións e organizacións sociais, de asociacións de nais e pais, consumidoras e usuarias, mestras e mestres, expertas no eido da comunicación e a educación, e cidadanía en xeral

dende o noso compromiso e interese común en aproveitar eficazmente as grandes vantaxes que poidan proporciona-los medios de comunicación e as tecnoloxías da información (TIC) para o desenvolvemento educativo e cultural da nosa sociedade

dende a nosa preocupación, tamén común, polo progresivo deterioro sufrido polos contidos da programación televisiva e a ausencia de alternativas sólidas deseñadas para favorecer o desenvolvemento da infancia e a xuventude, tanto a través deste medio de comunicación como das "outras pantallas".

Facemos pública a seguinte Declaración de Madrid, sobre Educación e Medios de Comunicación, nomeada A Baía dos Cinco Ventos, coa esperanza de que novos aires educativos sopren na nosa sociedade da información e da comunicación de maneira que todos podamos beneficiarnos deles.

Madrid, 9 de Febreiro de 2005

PS1. Só se tódalas persoas que formamos parte da sociedade tomamos conciencia da importancia deste asunto, empezarase a albiscar unha luz de esperanza no horizonte. É por isto que pedimos a túa adhesión a esta Declaración de Madrid sobre Educación e Medios de Comunicación, denominada "A Baía dos Cinco Ventos"

PS2. Despois da lectura deste Declaración de Madrid, o día 9 de febreiro de 2005 en Madrid, pensamos lela e dála a coñecer no Cairo (Exipto, marzo 2005), Bruxelas (Bélxica, Parlamento Europeo e CE, Abril 2005), Nova York (EE UU, xuño 2005) e noutras cidades do mundo, coincidindo coa celebración de eventos relacionados coa "alfabetización mediática"



Consideracións

1 Os medios de comunicación son instrumentos prioritarios do ocio, entretemento e, de maneira máis matizada, de aprendizaxe, para as nenas e os nenos españois. A televisión segue a ser o medio máis seguido polo espectador infantil. Nenas e nenos viven nun estado de indefensión, tanto fronte ós medios de comunicación tradicionais, como fronte ós sistemas de información e comunicación que a tecnoloxía dixital ven de desenvolver nos últimos anos. As nenas e os nenos teñen un acceso doado ós contidos inadecuados; á vez que existe unha carencia de ofertas infantís atractivas, de calidade, variadas en xéneros e que eduquen en valores, tal como sinala a Convención do Dereito do Neno de 1989, ó recoller expresamente o dereito de todo neno ó acceso ós medios de comunicación (art. 17) e á liberdade de expresión (art. 13).

2 Nos últimos anos vense producindo unha profunda involución no desenvolvemento da educación mediática (alfabetización mediática) malia a enorme importancia que os medios de comunicación teñen na adquisición de coñecementos e valores, na adquisición de hábitos e comportamentos e, en definitiva, na súa potencial capacidade para contribuír á formación de persoas máis activas, máis críticas, comunicativamente máis competentes e, por conseguinte, máis libres.

3 Esa indefensión e as carencias de formación descritas poden ser aínda máis graves na actual etapa de dixitalización e converxencia tecnolóxica. Sen unha educación axeitada no uso dos medios de comunicación e das tecnoloxías da información corremos o risco real de que se produza unha creba familiar, aparellada a unha auténtica creba social, que provoque a fenda dixital a miúdo denunciada, entre info-ricos e info-pobres. Existe ademais o perigo real dun progresivo deterioro do sistema democrático, cada vez máis sometido á influencia das grandes corporacións e un aumento do risco de manipulación da cidadanía dende o punto de vista tanto político coma económico.

4 É fundamental alcanzar un novo paradigma no ámbito da comunicación social que asegure a participación na toma de decisións públicas de tódolos axentes implicados; administracións, empresas, profesionais da creación e da información, expertos, nais, pais e usuarios en xeral. Un novo paradigma que recoñeza a importancia estratéxica e de futuro da educación na comunicación.

5 A infancia debe se-lo o grupo participante e destinatario prioritario nunha educación para a comunicación. Nais, pais e educadores en xeral, deberán contar cos apoios didácticos necesarios que lles subministren ferramentas para a educación da infancia. Estas axudas contribuirán, á vez, a un axeitado aproveitamento, en positivo, das novas pantallas, os medios de comunicación e os sistemas de información, e farán posible a propia formación crítica da cidadanía.



Peticións

1. O cumprimento obrigatorio da lexislación nacional e internacional (Directiva comunitaria da Televisión sen Fronteiras) en materia de comunicación, moi especialmente no que se refire á "protección, promoción e defensa" dos dereitos da infancia e da adolescencia, non só por parte do Estado senón tamén por parte das empresas privadas.

2. A creación, á maior brevidade, dun Consello do Audiovisual, de ámbito estatal, independente, de composición plural, encargado de supervisar o cumprimento da lexislación e con capacidade sancionadora. Un Consello que potencie a autorregulación, defenda a liberdade de expresión, protexa a infancia e recolla as demandas da cidadanía.

3. O deseño dun plan de educación global en comunicación que asegure a formación no uso dos medios e a tecnoloxía da información, así como a elaboración e análise das mensaxes. Esta educación en comunicación deberá facilita-lo diálogo entre a infancia, a xuventude e os adultos nos contornos escolares e familiares, entre outros, e promover a creatividade, así como fomenta-la capacidade de análise crítico e de autocrítica.

4. A inclusión e o recoñecemento da educación en comunicación e do ensino dos medios e das tecnoloxías da información nos programas culturais, dende o punto de vista transversal, non só tecnolóxico senón tamén integralmente comunicativo. Esta formación non deberá limitarse a dar a coñecer uns determinados recursos técnicos e expresivos senón que tamén facilitará instrumentos para comprende-lo mundo e saber actuar nel. Os medios presentan visións do mundo que inflúen nos comportamentos sociais e na potencial maduración ética de nenos e mozos. O análise das mensaxes audiovisuais e multimedia e a producción de mensaxes por parte das persoas máis novas para que poidan facer chegar a súa voz, contribuirán a reforza-la súa maduración como cidadáns responsables.

5. A potenciación por parte dos gobernos dunha política de comunicación que garante a pluralidade de oferta, a existencia de fornecedores de contidos independentes, o mantemento de operadores públicos e sociais sen ánimo de lucro, e a promoción de políticas coordinadas dende o punto de vista local, autonómico, nacional, europeo e internacional que fagan visible o deseño, producción e difusión de contidos de calidade, útiles para a educación e innovadores e positivos para a infancia. Neste senso propoñemos o deseño de programacións específicas para a infancia, especializadas e segmentadas segundo niveis de idade, que melloren o cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes neste ámbito.